Coñece os catro quilómetros de carreira entre pontes, carballos, ermidas, subidas e baixadas.

CARREIRA ABSOLUTA (CATEGORÍAS C, D, E, F)

A do Gundián é unha carreira popular de percorrido curto pero esixente, que transcorre polas dúas beiras do río Ulla, entre as provincias da Coruña e Pontevedra. A proba arranca na ponte vella, unha construción de finais do XVIII pola que pasaba no seu día o viño de Ribeiro camiño de Santiago e que hoxe empregan os peregrinos que seguen a Vía da Prata.

O primeiro quilómetro da carreira leva ata a ermida do Gundián nunha subida case constante, cun par de ramplas de desnivel acusado. Logo de pasar a ermida, a pendente suavízase pero segue en subida durante case medio quilómetro máis, para logo comezar outro medio quilómetro chan e un quilómetro de descenso. Queda daquela un só quilómetro, o máis duro: volver subir á ermida do Gundián. As costas tiran, pero a recompensa agarda no alto: a meta está instalada no medio da romaría. Aos corredores e corredoras agárdanos a música e o colorido dun día de festa.

CATEGORÍA B (9 A 12 ANOS)

Para os e as atletas nados entre o 2006 e o 2009 a carreira ten unha lonxitude de 1 quilómetro. A saída está na ponte vella e a meta na ermida do Gundián, polo que é un percorrido curto pero con moito desnivel e ramplas moi duras.

CATEGORÍA A (4 A 8 ANOS)

Os corredores e as corredoras nacidos entre o 2010 e o 2013 teñen que cubrir unha distancia de 500 metros. A saída atópase xusto despois da rampla máis difícil, pero aínda terán que sortear varias subidas para chegar á meta, situada na ermida de Gundián.

CATEGORÍA A ESPECIAL (ATÉ 4 ANOS)

Os máis cativos tamén poden participar nesta carreira popular. O reto dos nacidos entre 2014 e 2018 é completar case 200 metros sen despistarse cos berros de ánimo de pais, nais e demais parentes e en sucumbir á tentación de parar antes da meta nos postos de rosquillas, xoguetes e gominolas.