En 2016 cumpríronse 25 edicións dunha das competicións máis singulares de Galicia. Xa pasaron tres anos e seguimos avanzando.

Así a sentimos nós, porque é a nosa carreira, pero tamén porque cremos que ten algo especial. Será polo percorrido por ambas beiras do río Ulla, curto (4 quilómetros) pero moi esixente. Será pola paisaxe espectacular que atravesa, arredor das terras do xa desaparecido mosteiro de San Xoán da Cova e a incrible paraxe natural á que este da nome; con saída no fermoso lugar da Ponte Ulla, cruzando dúas pontes (a do ferrocarril e a ponte vella), e con chegada na capela do Gundián. Será pola romaría que se celebra ese día, unha das de máis tradición na comarca de Santiago e arredores, á que se achegan centos de romeiros xa sexa por fe ou por ganas de festa. Ou será polo cariño co que a organizamos, con espírito amador e coa vontade de que sexa sempre unha carreira popular, para todos e para todas. Estas son as claves que cremos que fan da carreira do Gundián unha experiencia diferente, algo máis que unha cita deportiva.

A carreira celebrou a súa primeira edición en 1992. Foi o ano dos Xogos Olímpicos de Barcelona, da Expo Universal de Sevilla e tamén dun pequeno fito na parroquia da Ponte Ulla: por fin se arranxou e se ampliou o campo da festa do Gundián. Coa axuda económica da Xunta, que preparaba daquela o Xacobeo 93 co obxectivo de relanzar as peregrinacións a Compostela, púidose acondicionar o espazo no que desde polo menos o século XIX se celebraba cada 8 de setembro unha romaría de moita sona.

Un grupo de veciños e veciñas da parroquia pensaron que para dar a coñecer mellor ese novo espazo había que organizar un evento atractivo. Querían ademais darlle máis forza ao “Gundián pequeno”, o segundo día da festa, que se celebra o domingo seguinte ao 8 de setembro. Detrás da idea estaba principalmente xente próxima ao equipo de fútbol local, o Atlético Ponte Ulla, polo que o máis fácil sería que organizasen algo que tirase por ese pau, ou quizais relacionado cos xogos populares. Esas ideas estiveron presentes, pero descartáronas para penetrar en terreo descoñecido: montarían unha carreira popular.

Na organización non había ningún corredor ou atleta, pero existían dous motivos fortes para decantarse polo atletismo: o espello da carreira do Pico Sacro e un circuíto fantástico que pedía a berros unha carreira. Así, o percorrido daquel ano fundacional é practicamente o mesmo que hoxe, con pequenos axustes para evitar estradas de máis tráfico en favor de pistas máis seguras. Os primeiros anos foron de adaptación para todos: a organización tomándolle o pulso a como montar unha proba deste tipo e os veciños, os festeiros e os devotos aprendendo a convivir cos cortes de tráfico e a introdución do deporte nunha festa ata entón centrada nas misas e o polbo.

As pistas da Ponte Ulla pisáronas as zapatillas de corredores e corredoras de toda condición. Todos os nenos e nenas da parroquia participaron algunha vez. Todos os deportistas mozos da comarca se animaron algún ano. Tamén atletas chegadas de todas as esquinas do país. O primeiro gañador, que repetiría varios anos no alto do podio, foi Suso de la Fuente, un dos atletas galegos máis destacados. Os vencedores da última edición (2015) foron o lituano Robertas Geralavicius, un triunfador xa clásico nesta carreira, e Paula Mayobre, cun amplo currículo de vitorias e internacionalidades.

No medio, unha restra de deportistas de alto nivel, entre eles o olímpico Carlos de la Torre; María Jesús Gestido, dobre campioa de España de maratón; Esther Pedrosa, campioa de España de gran fondo; Pedro Nimo, campión de España de maratón en 2015; o triatleta Antón Ruanova, compostelán que compite nos Xogos de Río representando a Brasil; Manuel García Gendra; Javier Fernández Feijoo; Victor Riobó; Raquel Suarez Pedrosa; Fátima Paz; ou a nova figura do atletismo galego, Solange Pereira. Mención especial merece Julián Bernal, o atleta máis veterano de España e, entre outros moitos rexistros, récord mundial de 3.000 metros para maiores de 85 anos, que participou en varias edicións antes de deixarnos no 2010, con 91 anos de idade.

Vai alá xa un cuarto de século desde a primeira edición. A carreira mantense fiel ás súas orixes: festiva, popular, case “artesanal”. Moitos corredores están enganchados e repiten cada ano. A outros fáiselles dura, quizais sorprendidos porque en só 4 quilómetros poida haber tanta miga. O percorrido mantense inalterado: só as obras da ponte do AVE obrigaron durante uns anos a modificalo. E parte da rapazada da parroquia que hai 25 anos corría polo camiño do Gundián aspirando a ser o máis rápido entre os da súa quinta, bota hoxe unha man na organización, xunto cos que daquela eran mozos e hoxe seguen a selo… de espírito. Unhas 25 ou 30 persoas que cada ano traballan para soster esta carreira, que é xa parte da historia da nosa parroquia.

CONSULTA O HISTORIAL DE CLASIFICACIÓNS DA CARREIRA